Acaba setembro e, con el, acaba o mes de celebración virtual do noso XVIII Aniversario. Durante estas semanas puxémosvos a proba con algunhas curiosidades sobre o coro, compartimos convosco imaxes de todos estes anos e repasamos o documental #OrgulloCantabile para ver todo o que conseguimos durante quince anos. Mais aínda faltan momentos por recordar desde 2017 a hoxe. Imos repasar algúns dos máis especiais: atención!
En 2018 preparamos a Ode for the Birthday of Queen Anne de G.F. Händel e, ademais de cantala no noso XVI Aniversario, levámola tamén á Torre dos Clérigos do Porto no noso #Cantabileando2018. Xa sabedes, como #nontodovaisercantar, nesa viaxe tamén tivemos tempo para visitar o norte de Portugal e deixalo inmortalizado!
O 2019 entrou pisando forte coa viaxe a Sevilla, e continuou coa nosa primeira incursión no Barroco francés: o Te Deum de M.A. Charpentier. O noso concerto de XVII Aniversario no Teatro Colón tivo esta obra como grande protagonista e ademais serviunos para axudar a ONG New Light:
Nese ano, aínda tivemos tempo e forzas para unha segunda viaxe! Estivemos cantabileando polo norte da Península: Bilbao, Olite, Beire, Pamplona, Burgos, León… e, por suposto, tamén o deixamos gravado. Mais a cousa non acabou aí: despois de recuperar o ritmo co novo curso, aínda quedaba un reto: a gravación do noso último CD, Palabras de Luz, e o seu concerto de presentación no Teatro Colón.
O proxecto Palabras de Luz merece unha atención especial, polo traballo, musical e non musical, intenso e continuo que demandou durante dous anos. Conseguimos estrear doce pezas galegas e en galego, variadas e contemporáneas, e envialas a todos os coros galegos para que se unisen á tarefa de renovar o noso repertorio coral. Para comprender o impacto deste proxecto quizais teñan de pasar aínda uns anos, mais de momento tennos expectantes: o 21 de outubro descubriremos se somos vencedores dos Premios Martin Codax da música galega grazas a el!

En definitiva, estes anos, e todos os anteriores, foron anos de retos, aprendizaxe, viaxes, concertos… amor e orgullo. Aínda que a pandemia non nos permitise celebrar como queríamos a nosa maioría de idade, tentamos transmitirvos pola rede todas estas experiencias, coa esperanza de que axiña poidamos reunirnos a cantar e escoitar TODOS XUNTOS, sen medo nin restricións. Entretanto, seguímonos preparando. Nunca se sabe onde poderemos chegar!
Grazas pola vosa compañía neste #AniversarioVirtual, #FamiliaCantabile!
![ArquivoCoroCantabile[ES]](https://arquivo.corocantabile.gal/wp-content/uploads/2016/10/cropped-misa-coronacion-cantabile-1.jpg)



































































































Cantante, compositor e director de coro, Jesús Rodil (A Coruña, 1986) comezou os seus estudos de piano con Marta Castanedo e de canto con Pablo Carballido del Camino (claro! ;)). Perfeccionouse en Italia con Monica Bacelli, Gloria Banditelli, Gregory Bonfatti e Ester Castriota e en Francia con Rosa Dominguez, Paul Triepels e Guy Fletcher. Obtivo o título Profesional de piano e o de trompeta no Conservatorio Profesional de Música da Coruña e o Título Superior de Composición coa cualificación de Matrícula de Honra no Conservatorio Superior da Coruña. Como bolseiro da Fundación Pedro Barrié de la Maza realizou un mestrado en composición coral e dirección de coro con Pier Paolo Scattolin e Francesco Carluccio no Conservatorio “G. B. Martini” de Boloña. En 2016 finalizou un mestrado en canto no mesmo conservatorio e obtivo o diploma de clavicembalo con Silvia Rambaldi. En 2017 obtivo o Diploma de Estudos Musicais (DEM) do CRR de París e o Diploma de Estudios Vocais (DEV) de Notre-Dame de París.


Carlos Negro (Lalín, 1970) é docente e escritor; da súa autoría son obras como Far-West (2001), Makinaria (2009), Penúltimas tendencias (Premio da AELG ámellor obra de literatura infantil e xuvenil do ano 2014) ou Masculino singular (2016) ; iniciouse no xénero poético con as laranxas de alí babá (1998). Recibiu tamén o premioJohán Carballeira polo poemarioHéleris (2003), o Vitoriano Taibo porCultivos transxénicos (2008) e o Fiz Vergara Vilariño por Tundra (2017) . Ensaiou o xénero satírico no dicionario Abelcebú (2010), de carácter burlesco; tamén no 2017, formou parte do proxecto colectivo Os aforismos do riso futurista, publicado por Xerais. No ano 2018 recibiu o galardón ao autor do ano dos Clubs de Lectura das Bibliotecas Escolares de Galicia, polo seu fomento dos hábitos lectores entre a mocidade a través do xénero poético, así como o Premio Jules Verne de literatura xuvenil, pola obra Aplicación instantánea (2018). Como elemento complementario do seu labor creativo, desenvolve un achegamento da poesía á mocidade, a través de recitais e obradoiros en institutos de toda Galicia; visita con frecuencia os clubs de lectura escolares, establecendo un diálogo sen prexuízos con respecto á poesía, entendida como un xénero aberto, imaxinativo e ao alcance de públicos non especializados na lectura académica. Así mesmo, en colaboración coa AELG e diversos concellos do país, ten impartido obradoiros de creación literaria para adultos. As súas experiencias didácticas neste eido recóllense no ensaio “Ler poesía tampouco é para tanto”, publicado en Poesía Hexágono. Ollada e experiencia. Proposta e resposta nas aulas (Apiario, 2015)