Arquivo da categoría: Algo más que un coro

Concerto de solistas 2021 – parte 2

Ola de novo! Como prometemos, aquí está a segunda parte dos vídeos do concerto de solistas que celebramos o pasado 12 de xuño. Xa vos dixemos que nós estabamos con moita gana de música, así que aínda vos faltan por ver 9 actuacións. Vamos!

Continuamos co dúo de Romeu e Alejandro Carrión ao piano, interpretando dúas gavotas de J. S. Bach a catro mans. Tamén ao piano, mais cunha peza de estilo totalmente diferente, sorprendeunos Gabriel, facendo que toda a sala contivese o alento na súa interpretación do Preludio en Do # menor de Rachmaninov.

A seguir, Samuel interpretou ao bombardino a Fantasia de Gordon Jacob, unha peza moi exixente tanto para el como para a nosa pianista acompañante, Ludmila Orlova. A pesar da dificultade, foi un éxito!

A volta a calma chegou coa elegante Romanza n.º 3 de Schumann, intepretada ao óboe por Alejandro Pecorelli.

A tarde continuou cunha serie de cantantes, algúns xa experimentados, outros caras novas para o noso público habitual: os tenores Martín Yáñez e Pablo Castiñeiras e a soprano Inés Carrión.

Contra o final do concerto, Romeu púxose novamente fronte ao piano, esta vez en solitario, para impresionarnos coa súa impecábel interpretación do Nocturno Op. 54 de E. Grieg.

A seguir, unha desas cousas que só se lle poden ocorrer a Pablo Carballido: subir a Romeu, Jaime e Alex a cantar o trío dos xenios da ópera Die Zauberflöte (a frauta máxica) ao retablo da igrexa. Desde logo, era un bo sitio para proxectar a voz!

Por último, seguindo coa mesma ópera, Inés e Antón emocionáronnos coa súa interpretación do dúo de Papageno e Papagena. Non só cantaron fenomenal, senón que ademais escenificaron a peza ao milímetro, con toda a complicidade. O público, por suposto, aplaudiu a rebentar!

En definitiva, agora xa podedes comprender porque estamos tan felices co resultado deste concerto. Foi unha tarde realmente emocionante e sentímonos moi afortunadas por contar con este marabilloso grupo de valentes artistas (e por suposto, do resto de integrantes do coro, que estiveron apoiando desde o público e virtualmente aos seus compañeiros e compañeiras!). Esperamos que desfrutedes destes vídeos tanto coma nós do directo e atención ás redes, porque axiña nos veremos nos próximos concertos, #familiacantabile!

Concerto de solistas 2021 – parte 1

Despois de moitas semanas sen actividade, por fin voltamos polas redes, familia! A  verdade é que están a ser tempos moi complicados para organizarmos os ensaios e máis aínda os eventos, mais que vos imos contar? Xa levamos máis dun ano de montaña rusa e o traballo, diante e detrás das pantallas, resíntese. Con todo, nunca renunciamos a manter no posíbel a nosa actividade habitual, por iso hoxe fainos moita ilusión traervos algúns vídeos do noso último concerto de solistas.

Como sabedes as persoas que nos seguides desde hai anos, en Cantabile organizamos habitualmente un concerto no fin de curso, onde os membros do coro poden mostrar os seus progresos co instrumento que tocan ou coas leccións individuais de canto que reciben en diferentes conservatorios ou escolas de música. Este concerto de solistas é moi especial para nós, porque nos permite ver a evolución musical das persoas que forman o coro, mais tamén adestrar as nosas habilidades escénicas ante o público, achegarnos a novos repertorios, ou a instrumentos que non nos acompañan habitualmente, e así aprendermos en conxunto.

Nesta ocasión, polas limitacións de aforo exixidas pola situación sanitaria, decidimos limitar a asistencia de público a familiares das persoas que tocaron no concerto e a socios e socias de Cantabile. Confiemos en que axiña poidamos admitir máis xente nos nosos concertos, mais hoxe , para compensar estas limitacións, traémosvos oito vídeos do concerto. Por que oito? Pois porque nós tamén estabamos desexando facer música e finalmente xuntamos dezasete actuacións, así que, para que poidades desfrutalas todas como merecen, ímolas dividir en dúas partes.

Como veredes, esta edición estivo chea de talento e de sorpresas: Romeu, Álex e Jaime abriron a tarde con “Tulerunt Dominum Meum” de Mendelssohn, seguidos da versión de “Yesterday” ao violín de Mariña.

A seguir, Pablo Ares deunos gana de bailar co “Vals Rainha de Ases” ao acordeon, para dar paso a Irene á frauta travesa e a Jaime de novo, esta vez ao trombón.

En sétimo lugar, Lucía Aba debutou cantando ante o público coa aria de Mozart “Voi che sapete” e, a continuación, Lucía Cernadas interpretou á guitarra “Elogio de la danza”, de Leo Brouwer.

No ecuador do concerto, Marta Duckworth estreouse tamén ante o público con “Ah, non credea mirarti” da Sonnambula de Bellini.

Esperamos que desfrutedes cos vídeos! Tamén podedes encontralos directamente en Youtube, nunha listaxe de reprodución que completaremos axiña coas restantes actuacións. Vémonos axiña, familia Cantabile!

Un agasallo de parte de Cantabile

O 2020 foi un ano complicado e parece que o 2021 aínda non nos quere deixar remontar. Tivemos que adaptarnos a cantar con máscara, separados, por pequenos grupos en lugar de todos xuntos… e tampouco fomos #cantabileando polo mundo adiante, así que a asociación decidiu que había que recompensar a paciencia e o esforzo dos e das coralistas dalgunha maneira.

Decidimos que un libro sería un bo agasallo da nosa parte: somos unha asociación musical, mais tamén cultural en xeral, e nestes tempos a lectura é unha das actividades máis seguras e que máis nos axuda a manter o ánimo. Por tanto, puxémonos mans á obra e contactamos con catro librarías da cidade: Moito Conto, Sisargas, Suévia e Berbiriana. Cada coralista escolleu a que mellor lle viña e puido facer uso nelas dun bono entre o 23 de decembro e o 16 de xaneiro.

Unha vez transcorridos eses días, pedímoslles que nos enviasen unha foto coas súas compras e mirade que cariñas!

Encantounos que esta iniciativa tivese tanto éxito entre a #FamiliaCantabile, axudando ademais ao pequeno comercio da cidade e ao sector cultural, aínda que fose cun pequeno xesto. Agora, a seguir resistindo ben equipados coas nosas lecturas favoritas!

Bo nadal 2020! Feliz 2021!

Sabemos que este foi un ano extremadamente complicado. Tívonos sen actividade, en tensión constante e con moita falta de música en común. Con todo, un grupo como o noso caracterízase por manterse unido tanto nos bos momentos como nos non tan bos, polos medios que foren. Por iso, aínda que este ano non puidemos gravar unha felicitación de nadal moi sofisticada, decidimos reunir vídeos e fotos dos e das coralistas desde as súas casas, cun pouco de humor e de alegría para o que aínda queda por diante de pandemia. Ademais, tamén incluímos algúns dos poucos momentos musicais que este ano nos permitiu desfrutar. Con toda a ilusión compartimos a nosa felicitación convosco e desexámosvos un óptimo nadal e un próspero ano 2021. Grazas pola vosa compañía desde o outro lado do escenario e agora, sobre todo, desde o outro lado da pantalla, #FamiliaCantabile!

Presentación de “Palabras de luz”: galería de imaxes

Aínda estamos procesando o emocionante que foi o concerto de presentación de Palabras de luz. Estamos enormemente agradecidas a todas as persoas que fixeron que este proxecto sexa hoxe unha realidade: artistas, coralistas e familias, o noso director Pablo Carballido, a pianista María Keilin, as institucións que nos apoiaron, as persoas encargadas do deseño dos materiais e de nos asesorar e, por suposto, ao público que encheu o Teatro Colón este 20 de novembro, nun acto tan especial. Agora toca sumerxirse na preparación do Nadal, mais tamén en facer chegar ás corais o noso traballo en forma de libro-CD durante as próximas semanas. Xa sabedes, Cantabile non para!
Deixámosvos cunha galería de imaxes do concerto, realizadas por Moncho Fuentes. Esperamos que vos gusten tanto como a nós!

Concerto de clausura do XIII Curso de Canto Cantabile

Este 30 de agosto tivemos a ocasión de sentir #OrgulloCantabile unha vez máis. Un total de vinte coralistas e precoralistas participaron no XIII Curso de Canto organizado pola nosa asociación e impartido por Pablo Carballido, que ademais de ser un excelente director é tamén, como sabedes, mestre de canto con anos e anos de experiencia. Os e as vinte valentes que se inscribiron no curso recibiron tres sesións intensivas para mellorar a súa técnica vocal e mostraron os seus resultados nun concerto no cal tamén estiveron acompañados polo coro completo – coas camisetas que gañaron o concurso de deseño téxtil, ou como dicimos nós, as flamingosetas – . Por se fose pouco, puidemos gozar novamente de varias actuacións dos nosos solistas, porque en Cantabile hai toneladas de talento! Mais, como nos lembra a nosa querida Pilar Muíños, o talento non chega e o traballo é a nosa base:

https://twitter.com/pmuinos/status/1167516249502494721

A tarde comezaba co Zadok the Priest, seguida da famosa Vois sur ton chemin e unha peza de acordeón de Pablo Ares. Despois, interveu o primeiro grupo de participantes no curso con Amor ch’attendi, de  G. Caccini.

Nico, Sophia, Xiana, Mara, Noa P., Marta D., Alicia e Salma durante a súa peza

A continuación, Alejandro Carrión sorprendeunos ao piano co Pequeno preludio de J.S. Bach. O coro interveu con All things bright and beautiful, Nerea izango zen, O Sanctissima e a Pandeirada de Vilariño, intercalándose o Quia Respexit de Inés e Miguel No, o Ceibo, ceibo, Zuiñandí de Xiana e Nico e Ramón ao violín. Ademais, non puido faltar unha boa dose de voces de tenor co espectacular O sole mio de Martín e o Tu ch’hai le penne, amore do segundo grupo do curso.

Ramón, Samuel, Alejandro P. e Manuel González

Na última parte do concerto, Alejandro P. interpretou Gabriel’s Oboe, a fermosa peza da banda sonora que Ennio Morricone compuxo para The Mission. A continuación, chegou o turno dos e das peques do curso, que cantaron Ochietti Amati de Falconieri.

Pablo A., Ndeye, Candela, Marta L., Emma, Raquel e Catarina mostran os seus avances

A tarde – xa noite – finalizou co coro completo cantando “In te domine speravi” do Te Deum de Charpentier, a entrega dos diplomas do curso por parte da presidenta e o vicepresidente da asociación, Lucía Cernadas e Miguel No… e un bis: Every Breath You Take.

A clausura do curso de canto foi un peche express a unha semana intensiva; foi unha tarde chea de emocións, sorpresas, diversión e cariño por parte do público. Mil grazas a todas as persoas que enchestes Capuchiñas para arrouparnos e seguir os nosos progresos, a Ludmila Orlova por acompañarnos maxistralmente unha vez máis, e tamén aos e as participantes no curso que confiastes no traballo de Pablo; non seríamos nada sen vós!

Deixámosvos unha galería de fotos deste día tan especial. Estamos desexando que chegue o seguinte Curso de Canto Cantabile!

Concerto de Solistas 2019

Este domingo vivimos unha fantástica tarde de música nas Capuchinas. O concerto de solistas de Cantabile serve para que cada ano aqueles coralistas que estudan canto ou tocan algún instrumento poidan mostrar o seu traballo a un público que non terían nos seus conservatorios ou escolas. Isto axúdaos a mellorar como músicos e gañar confianza e seguridade, pero é que ademais, fainos disfrutar moitísimo!

Nesta edición tivemos nada máis e nada menos que 26 obras do máis variado. Sofía Iglesias inaugurou a tarde ao violonchelo, seguida do “Caro Mio Ben” de LeonorDespois, Romeu e Jaime emocionaron ao público coa banda sonora de Forrest Gump ao piano e o trombón, mentres que Pablo Ares ao acordeón e Silvia ao piano interpretaron ritmos de baile. Irene tamén tocou unha fermosa danza, a dos “espíritos benaventurados” de Gluck. Delicado e cheo de sentimento coma sempre, Romeu repetiu ao piano con dúas pezas. Seguiu o “A Vucchela” de Marcos, a “Aria da cantata campesiña” de Nicolás ao violín e, para concluír a primeira parte do concerto, Samuel interpretou a “Yorkshire Ballad” ao bombardino.

Cando o público volveu aos seus asentos e os artistas recuperaron forzas cuns doces –que non podían faltar– Jaime enfrontouse a tres solos de trombón, para despois unirse a Romeu, Xiana e Nicolás e cantar “Esurientes” de Vivaldi, “Wiegenlied” de Mozart e “Ceibo, ceibo zuiñandí” de Guastavino. A seguir, Marta Duckworth dedicou á súa avoa o “Nocturno nº5” de Field e Carlota, xunto coa súa compañeira Uxía, interpretou o primeiro movemento do “Concerto en Sol m para dous cellos” de Vivaldi. Miguel No interpretou a última obra para un instrumento de vento do concerto cunha sonata para clarinete de Saint-Säens, e a el seguírono os violíns de Ramón e Manuel Segade e a viola de Mara. Lucía Cernadas tocou as “Diferencias sobre Conde Claros” á guitarra, para unirse despois a Mariana no dúo “Son nata a lagrimar” do Giulio Cesare in Egitto de Händel. O ramo da noite púxoo Martín co “Con te partirò” que popularizou Andrea Bocelli, un éxito rotundo!
Antes de finalizar o concerto, Ludmila Orlova recibiu unhas flores como recoñecemento á súa paciencia e esforzo como pianista acompañante de moitos dos mozos e mozas, mentres a Sección Xuvenil se preparaba para cantar unha selección de coros do musical “Les Miserables” que, a xulgar polos aplausos, tamén foron un acerto.

Como vedes, Cantabile non para nin un momento! As nosas filas están cheas de talento ano tras ano, así que só podemos sentir orgullo e esperar con ansia o próximo concerto de solistas.

Deixámosvos cunha galería de fotos. Vémonos nos escenarios!

Algo máis que un coro: Isaac Martínez Bendayán en Palestina

O Coro Cantabile, nas convocatorias que fai para os seus eventos, adoita utilizar un formulario que serve tanto para controlar a asistencia como, para as persoas que non poden acudir, xustificar esta ausencia.

No último deles chamounos a atención a xustificación do noso coralista Isaac Martínez Bendayán. Indicaba que non podía asistir ao concerto e a súa causa era: “Misión humanitaria Palestina”.

Non deixamos pasar a oportunidade. Preguntámoslle a Issac por esta experiencia. Contounos que é a terceira vez que acude xunto a un equipo voluntario de cirurxía pediátrica para operar a nenos e nenas en Ramallah. Dispoñen dun centro hospitalario aceptable, pero non está dotado de persoal o suficientemente formado para afrontar intervencións deste tipo.

Abraiados pola xenerosidade de Isaac, propuxémoslle que dése unha charla á rapazada do Coro sobre a súa experiencia e el aceptou encantado.

This week, a volunteer pediatric cardiac surgery team from Spain and Portugal started to operate on sick children with…

Publiée par PCRF – Palestine Children's Relief Fund sur Mardi 23 octobre 2018

A Palestine Children’s Relief Fund, ONG que xestiona o principal programa de cirurxía cardiaca pediátrica en Palestina, recibiu na última semana de outubro o equipo voluntario formado por profesionais sanitarios do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e do Hospital Universitário São João de Porto, Portugal, para operar a nenos e nenas con enfermidade cardíaca conxénita no complexo médico de Palestina en Ramallah.

O equipo estaba composto por Víctor Bautista Hernández, Jorge de Oliveira, Claudia Almeida, Iria Rivera, José González, Daniela C. Rosas, Sonia Teixeira, Jocelina Cabral, MIlagros LInares, Rita Jácome e o noso compañeiro Isaac Martínez Bendayán.

Seguimos esta apaixoante experiencia a través do diario da Missao Joazinho na Palestina 2018

Neonatos de 3,5 kg. , nenas de seis anos, nenos con síndrome de Down…Todos e todas con enfermidades coronarias que, de non ser polo altruísmo dos nosos heroes e as nosas heroínas, verían o seu percorrido vital moi diminuído, tanto no tempo como na calidade.

Estamos xa ansiosos de escoitar as vivencias de Isaac nesta fermosa aventura.

Concierto XV Aniversario Coro Cantabile: Mesías HWV56 de Händel [vídeo]

Como sabéis, el 2017 fue el año de nuestro XV aniversario y para celebrarlo hicimos varios conciertos especiales a lo largo del año, para terminarlo con el video documental #OrgulloCantabile sobre esos 15 años de nuestra historia.

Pero si hay un concierto especial en el año, y en el que siempre queremos estrenar el repertorio de la temporada es el concierto del aniversario, y en 2017 queríamos hacerlo con una obra muy especial así que estrenamos la Primera parte del Mesíás HWV56 de Händel.

Aunque volveríamos a interpretar el Mesías en el Teatro Colón, la grabación la hicimos del concierto de aniversario porque es en el que estamos más próximos a vosotros, el público que acude puntual a nuestra citas. Así que aquí os dejamos la grabación del concierto. ¡Esperamos que os guste!